Meténdonos na Costa Ártabra, atopamos cabo Prior, ao norte de Ferrol, na parroquia de Covas. Activo dende 1853, antigamente foi punto estratéxico de defensa militar.
Se seguimos a nosa viaxe cara o sur chegamos ao único faro romano que segue en funcionamento dende s. II d. C. É o símbolo da cidade da Coruña. E foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2009. Si, trátase da Torre de Hércules.
Avanzando na nosa viaxe, chegamos a zona máis perigosa, a Costa da Morte. Aquí o traballo dos faros é moi importante, O primeiro é o das Illas Sisargas, en Malpica. O faro está na Sisarga Grande. O actual foi construído polos veciños de Malpica en 1915, á beira do vello. Este fora un dos máis antigos da Costa da Morte (1853), xunto co de Fisterra.
O segundo faro máis grande da Costa da Morte, despois do de Fisterra, é o de Cabo Vilán, en Camariñas. Foi o primeiro faro español electrificado. Alí atópase o Centro de Interpretación de Naufraxios da Costa da Morte. Por certo, é o que ten máis longo alcance de toda Galicia: 28 millas.
Outro faro fundamental na Costa da Morte é o de cabo Touriñán, en Muxía. Sitúase no punto máis occidental da península. Ten un faro vello, de 1898, e outro novo, de 1981. Neste cabo dáse a particularidade de que durante certas datas no ano (entre o 22 de marzo e 25 de abril e entre o 18 de agosto e 19 de setembro, aproximadamente), podemos contemplar a última posta de sol da Europa Continental.
O último cabo da Costa da Morte é o de Fisterra, que dá paso ás Rías Baixas. Os romanos considerábana o fin do mundo coñecido. Sempre se dixo que o final do Camiño de Santiago facíase aquí, cando os peregrinos queimaban as roupas á beira do mar e emprendían o regreso a casa. O faro é de 1853. En 1888 instalouse unha sirena por mor da néboa, que foi chamada «a vaca de Fisterra».